22 de julho de 2008

CAMPAÑA 25-X e VOCEIRO ESPECIAL DÍA DA PATRIA




Preme aquí para descargalo!!!

Decálogo Ideolóxico-Político

8 de julho de 2008

1/ Un Espazo Aberto en Galiza Nova somos mozas e mozos militantes que acreditamos en Galiza Nova como mellor ferramenta de autoorganización da mocidade galega e entendemos ao BNG no seu conxunto como a ferramenta política para a liberación nacional e social de Galiza.

2/ Os nosos principios político-ideolóxicos baséanse no republicanismo cívico e no socialismo. O prisma de actuación fundaméntase na construción nacional e na xustiza social.

3/ Entedemos a Galiza como unha nación europea formada ao longo de séculos polas galegas e os galegos, baseándose nunhas determinadas características obxectivas (lingua, historia, cultura e territorio común) e pola consciencia e a vontade de sermos unha nación.

4/ Queremos dignificar o independentismo dentro de Galiza Nova tendo como fin, pois, a autodeterminación cara a consecución dunha República Galega.

5/ Recollendo a visión universalista dos galeguistas ilustres, a República Galega estará conectada co mundo e inserida nunha Europa dos pobos, solidaria, social e democrática. Declarámonos pois internacionalistas.

6/ Somos ecoloxistas, antimilitaristas, feministas, antiimperialistas e fondamente pacifistas.

7/ Traballaremos de forma construtiva para conformar maiorías soberanistas e de esquerdas nas mocidades do BNG que teñan en conta a verdadeira realidade e as inquedanzas dos mozos e mozas deste país.

8/Galiza Nova precisa urxentemente de novos mecanismos, novas maneiras, novos métodos e novas formas de facer política xuvenil. É a nosa tarefa implementalos e sumar a toda a xente que estea disposta a aportar o seu esforzo nesta tarefa, tendo á fraternidade como un dos principais vectores de actuación no ámbito interno.

9/ Entendemos que a imaxinación e a permeabilidade deben ser piares vertebrais nas novas formas de facer política. A asunción do pluralismo e a versatilidade para ententes e acordos son presupostos básicos para a acción política actual.

10/ Neste sentido, desexamos transformar Galiza Nova para que esta sexa unha organización referencial para a mocidade galega.

Presentación



Un Espazo Aberto en Galiza Nova é un proceso que culminará coa constitución dunha organización política dentro das mocidades do BNG.

Os mozos e mozas que compoñemos este proceso entendemos que os piares fundamentais no ámbito organizativo e político deben de ser a asunción do pluralismo interno en clave de fraternidade, o diálogo, a imaxinación, a permeabilidade, a esquerda aberta e o republicanismo soberanista. O que nos move é ben sinxelo: unha mocidade organizada en Galiza Nova para construír un futuro mellor para o noso país, coa autodeterminación no horizonte, dentro dun mundo máis xusto e solidario, sen opresores nin oprimidos.

Tendémosvos a man como para construírmos este proxecto colectivo.


Contacto



Se queres porte en contacto con nós, aportar ideas, suxestións ou para calquera aclaración que necesites estamos á túa disposición no correo electrónico: espazoabertoengalizanova@gmail.com.

Un saúdo nacionalista e de esquerdas.