Textos para a discusión

11 de abril de 2009


25 de abril. Compostela. Asemblea Nacional Constituínte
Organizándonos por unha Galiza Nova!!!



Descarga aquí os textos para a Asemblea Nacional Constituínte da Mocidade Socialista Galega!!

Fai o teu DNI galego!!!

28 de outubro de 2008

IDENTIFÍCATE. EU SON CIDADÁN/A DA REPÚBLICA GALEGA!

>

FORMAS DE FACER O TEU DOCUMENTO DE IDENTIDADE DA REPÚBLICA GALEGA!

* Pasarte por un dos postos que colocaremos ao longo do país, encher unha ficha, asinar e entregar unha foto. No caso de non ter foto no momento, poderás remitila por correo electrónico. Abonar dous euros no momento. Recibirás na túa casa o teu documento da República Galega. Iremos informando periodicamente de onde se colocarán os postos.

* Encher o formulario premendo aquí para descargalo e mandándoo coa túa sinatura dixitalizada ou escaneada cunha foto tamaño carné a espazoabertoengalizanova@gmail.com . Recibirás mediante a forma de contrareembolso (2 euros e gastos de envío) o documento da República Galega na túa casa. Se nos podes pasarnos a sinatura dixitalizada, non te preocupes, editaremos o teu documento sen sinatura.

Descarga aquí a volantina da campaña!

A edición deste documento de identidade pretende ser un exercicio de reafirmación da nosa identidade galega. Mais, a diferencia doutro tipo de identidades excluíntes, pechadas e resignadas, recollemos as verbas de Castelao, nas que cualificaba a Galiza como unha célula de universalidade. O nacionalismo que nos representamos, de carácter socialista e republicano, pretende amosar unha identidade galega aberta, inclusiva e con nidia vocación internacionalista.

Utilizando o termo “República Galega” non pretendemos xerar controversia nin colisionar frontalmente contra nada nin contra ninguén. Defendemos como proxecto político a longo prazo unha República Galega federada co resto dos pobos ibéricos e europeos en pé de igualdade. Por outra banda incidimos no Republicanismo como aposta pola participación da cidadanía na xestión diaria da Res Publica. Unha democracia onde se crean organismos de participación cidadá nas institucións públicas e se combine a democracia representativa coa participativa. En definitiva, é a defensa da existencia dunha cidadanía realmente consciente de selo e que tamén exerce como tal. Aquí a nosa dupla concepción de República Galega: un instrumento que xere benestar á unha cidadanía activa que pode operar no espazo público a través dun auténtico modelo onde a participación de todos e todas sexa un valor engadido.

22 de julho de 2008

CAMPAÑA 25-X e VOCEIRO ESPECIAL DÍA DA PATRIA




Preme aquí para descargalo!!!

Decálogo Ideolóxico-Político

8 de julho de 2008

1/ Un Espazo Aberto en Galiza Nova somos mozas e mozos militantes que acreditamos en Galiza Nova como mellor ferramenta de autoorganización da mocidade galega e entendemos ao BNG no seu conxunto como a ferramenta política para a liberación nacional e social de Galiza.

2/ Os nosos principios político-ideolóxicos baséanse no republicanismo cívico e no socialismo. O prisma de actuación fundaméntase na construción nacional e na xustiza social.

3/ Entedemos a Galiza como unha nación europea formada ao longo de séculos polas galegas e os galegos, baseándose nunhas determinadas características obxectivas (lingua, historia, cultura e territorio común) e pola consciencia e a vontade de sermos unha nación.

4/ Queremos dignificar o independentismo dentro de Galiza Nova tendo como fin, pois, a autodeterminación cara a consecución dunha República Galega.

5/ Recollendo a visión universalista dos galeguistas ilustres, a República Galega estará conectada co mundo e inserida nunha Europa dos pobos, solidaria, social e democrática. Declarámonos pois internacionalistas.

6/ Somos ecoloxistas, antimilitaristas, feministas, antiimperialistas e fondamente pacifistas.

7/ Traballaremos de forma construtiva para conformar maiorías soberanistas e de esquerdas nas mocidades do BNG que teñan en conta a verdadeira realidade e as inquedanzas dos mozos e mozas deste país.

8/Galiza Nova precisa urxentemente de novos mecanismos, novas maneiras, novos métodos e novas formas de facer política xuvenil. É a nosa tarefa implementalos e sumar a toda a xente que estea disposta a aportar o seu esforzo nesta tarefa, tendo á fraternidade como un dos principais vectores de actuación no ámbito interno.

9/ Entendemos que a imaxinación e a permeabilidade deben ser piares vertebrais nas novas formas de facer política. A asunción do pluralismo e a versatilidade para ententes e acordos son presupostos básicos para a acción política actual.

10/ Neste sentido, desexamos transformar Galiza Nova para que esta sexa unha organización referencial para a mocidade galega.

Presentación



Un Espazo Aberto en Galiza Nova é un proceso que culminará coa constitución dunha organización política dentro das mocidades do BNG.

Os mozos e mozas que compoñemos este proceso entendemos que os piares fundamentais no ámbito organizativo e político deben de ser a asunción do pluralismo interno en clave de fraternidade, o diálogo, a imaxinación, a permeabilidade, a esquerda aberta e o republicanismo soberanista. O que nos move é ben sinxelo: unha mocidade organizada en Galiza Nova para construír un futuro mellor para o noso país, coa autodeterminación no horizonte, dentro dun mundo máis xusto e solidario, sen opresores nin oprimidos.

Tendémosvos a man como para construírmos este proxecto colectivo.


Contacto



Se queres porte en contacto con nós, aportar ideas, suxestións ou para calquera aclaración que necesites estamos á túa disposición no correo electrónico: espazoabertoengalizanova@gmail.com.

Un saúdo nacionalista e de esquerdas.